Cidade da Cultura

Impulsando a creatividade no eido da cultura, o emprendemento e a tecnoloxía.

A Cidade da Cultura preséntase como un punto de conexión de Galicia co resto do mundo e un motor para impulsar proxectos culturais innovadores. Construída no cumio do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, o arquitecto norteamericano Peter Eisenman deseñou esta ‘cidade’ que semella xurdir da terra para erixirse coma unha icona da Galicia contemporánea, dialogando coa Compostela milenaria, Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago.

Este espazo, destinado á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, acolle catro institucións culturais:

  • Museo Centro Gaiás. A súa beleza e flexibilidade convérteno no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas.
  • Biblioteca e Arquivo de Galicia. Preservan a memoria bibliográfica e documental da comunidade e actúan como cabeceiras da rede pública de bibliotecas e arquivos.
  • Centro de Emprendemento Creativo. Acolle a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área de empresas TIC.
  • Centro de Innovación Cultural (CINC). É a sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
  • Edificio Fontán. Previsto para 2021, culminará o complexo da Cidade da Cultura de Galicia, aproveitando a estrutura que ía estar destinada ao Teatro da Ópera. Acollerá tres entes vinculados co Sistema Universitario de Galicia (SUG):
  • Espazos naturais. O Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o Parque do Lago son os tres espazos verdes cos que conta o Gaiás para gozar da natureza, descansar, practicar deporte e hábitos de vida saudable. Actualmente, está en marcha o Xardín do Teatro, onde se plantarán 187 árbores e unhas 4.000 plantas e que ocupará uns 12.000 metros cadrados. Contará con 3 estanques, 400 metros de sendeiros, equipamento para deportes urbanos (parkour, rocódromo e skate park) e un anfiteatro ao aire libre con 400 prazas.