Industrias culturais

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego. As súas competencias esténdense á totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais e empresas, na procura dunhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras.

Neste sentido, leva a cabo diferentes liñas de traballo encamiñadas a dotar de maior estabilidade o sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior dos bens e servizos culturais galegos.

Destacan, entre estes eixos de actuación, as convocatorias anuais de subvencións ás industrias culturais, a xestión de circuítos estables de exhibición escénica e cinematográfica, así como a promoción unilateral de accións propias ou a colaboración nas desenvolvidas por outras entidades e institucións de obxectivos afíns.

Tamén leva a cabo misións de difusión dos produtos culturais galegos fóra de Galicia e no estranxeiro, como parte importante da súa política de internacionalización, no marco dos principais mercados culturais do mundo, aos que concorre con delegacións integradas por empresas galegas e baixo marcas sectoriais como GalicianTunes, Films from Galicia, Shorts from Galicia ou GaliciaÉscena.

Incorporada á estrutura da actual Consellería de Cultura e Turismo, a Agadic tamén leva a cabo un labor de produción, programación e formación continua a través dos seus departamentos de Produción Teatral e de Produción Coreográfica (Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego), así como do Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia.

A súa política cara ás industrias culturais está presidida por liñas estratéxicas definidas no ámbito xeral da Xunta de Galicia, como son:  

  • Garantir o progreso da nosa cultura e, nomeadamente, a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural.
  • Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente respecto dos colectivos menos favorecidos.
  • Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.
  • Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, e mellorar a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.
  • Favorecer a creación e produción artística e cultural das mulleres e a súa difusión, e adoptar medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación de xénero.