O Camiño

O Camiño de Santiago constitúe un gran recurso patrimonial e turístico para Galicia. Trátase dunha das principais vías de peregrinación do mundo, que ten en Santiago de Compostela a súa meta.

O Camiño Francés e as rutas do Camiño do Norte (ruta da costa e ruta do interior, tamén coñecida como Camiño Primitivo ou de Oviedo) teñen o máximo recoñecemento patrimonial ao estar incluídas na lista do Patrimonio Mundial da Unesco desde 1993 e 2015, respectivamente. Antes, en 1987 foi recoñecido como primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, quen animou a súa revitalización polo seu forte simbolismo na construción do proxecto comunitario.

Ao longo do último cuarto de século, a Xunta de Galicia, a través da coordinación da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, vén traballando intensamente na protección e divulgación do Camiño, coa identificación dos distintos itinerarios; na sinalización coa popular frecha amarela e a vieira; na restauración do seu patrimonio monumental e natural; na recuperación e salvagarda do legado histórico, literario, musical e artístico xerado pola peregrinación, e no establecemento de intercambios permanentes con outros territorios.

A estes feitos engádeselles a acollida e a hospitalidade xacobea, dous dos aspectos máis valorados polos peregrinos, un labor desenvolvido nos máis de 1.500 quilómetros de camiños de Santiago existentes en Galicia, con dez rutas oficiais, nove terrestres e unha marítima: o Camiño Francés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa, o Camiño Inglés, a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, o Camiño de Inverno, o Camiño de Fisterra e Muxía e a Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla.

O Xacobeo xestiona e atende nos diferentes itinerarios unha rede pública de albergues, composta por 70 establecementos; coordina actuacións culturais e de investigación, co asesoramento do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e actúa de interlocutor cos máis de 300 colectivos xacobeos espallados por todo o mundo.