Patrimonio cultural

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o departamento ao que lle corresponde a coordinación das actuacións en materia de patrimonio artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico en todas as súas manifestacións, co obxectivo principal de transmitir este legado ás xeracións vindeiras, asegurando o seu uso actual e respectando a súa significación social, espiritual e identitaria.

Compártao :

...

En conxunto, encárgase tanto da protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, como da súa investigación, valorización e transmisión, abordando a delimitación e protección dos Camiños de Santiago no eido autonómico, así como a elaboración de anteproxectos normativos que lles afecten.

Neste sentido, a Dirección Xeral é responsable da tramitación e xestión dos procedementos de clasificación do patrimonio cultural de Galicia coa declaración de ben de interese cultural e a inclusión no Catálogo, así como coa xestión do Censo do patrimonio cultural autonómico. Ocúpase, así mesmo, da emisión de informes, acordos ou resolucións dos procedementos e intervencións que afecten á protección do patrimonio cultural, conforme á normativa vixente, e aqueles que sexan requiridos polas autoridades competentes.

Este departamento actúa, finalmente, na difusión e posta en valor do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sostible e fundamento da identidade cultural do pobo galego.