Política lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística é o órgano da Consellería de Cultura e Turismo encargado da promoción planificada da lingua galega, así como da formación neste idioma fóra do sistema educativo regrado da Comunidade Autónoma de Galicia.

Compártao :

Correspóndelle a coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia, destinada a aplicar o artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Para iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa hogano en catro ámbitos prioritarios de actuación:

  • A formación en lingua galega, con especial atención á capacitación do persoal funcionario en linguaxes de especialidade xurídica e administrativa e da poboación adulta en xeral, a través do sistema Celga (Certificación en Lingua Galega), e das áreas e comunidades galegofalantes de fóra de Galicia.
  • A promoción do galego, que persegue difundir unha imaxe positiva da lingua e animar ao seu uso a través de programas e plans de dinamización destinados a distintos sectores sociais, así como tamén mediante a coordinación das accións dinamizadoras que se desenvolven no ámbito local ‒por medio da Rede de Dinamización Lingüística‒ ou escolar ‒por medio dos equipos de dinamización da lingua galega‒.
  • A investigación sobre a lingua propia de Galicia, ben directamente ‒a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades‒, ben en colaboración con outras institucións, como as universidades galegas.
  • A proxección exterior; é dicir, a difusión internacional e o ensino da lingua fóra das nosas fronteiras, nomeadamente a través da Rede de Centros de Estudos Galegos, que ten presenza en 35 universidades de Europa e América, das cales 27 contan con lectores.