Políticas Culturais

A Dirección Xeral de Políticas Culturais ten como finalidade a promoción da cultura galega en todas as súas dimensións e manifestacións desde a base da planificación e da reflexión estratéxica. A cultura é un aspecto central de Galicia porque supón, ao tempo, un elemento de identidade, un factor de desenvolvemento local e comunitario, e unha fonte de riqueza e de crecemento socioeconómico.

Compártao :

...

Nese contexto, as políticas culturais públicas deben impulsar, en primeiro lugar, todas as etapas dos procesos de creación cultural: a xeración dos contidos creativos, a súa produción e distribución, o estímulo da oferta, a demanda e a participación social, e a presenza dos produtos culturais galegos fóra de Galicia. Ademais, deben ser políticas culturais que favorezan a inclusión social e territorial, tendo en conta as características sociodemográficas da Galicia actual.

En segundo lugar, as políticas culturais realízanse en gran medida mediante a acción planificada das principais institucionais da cultura, como son as bibliotecas, os museos e os arquivos. A sociedade actual asígnalles ás ditas institucións un papel senlleiro na dinamización da cultura e no achegamento das diferentes tipoloxías de públicos ás súas programacións e liñas de actuación. Daquela, a rede de bibliotecas, e os sistemas de museos e de arquivos de Galicia artellan un ecosistema fundamental para garantir o acceso da cidadanía á cultura.

E en terceiro lugar, é necesario ter moi presente a pluridimensionalidade da produción cultural galega: o ecosistema do libro, a colaboración na promoción das artes plásticas e visuais, as manifestacións escénicas e a danza, a música, a lírica... todos eles constitúen unha rede interrelacionada pero con aspectos singulares que cómpre atender.