Turismo

A Axencia Turismo de Galicia é o organismo encargado da planificación e promoción do turismo na Comunidade.

Integrada na Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, entre as súas principais tarefas está a ordenación normativa, o fomento e a inspección da actividade turística a través de liñas de actuación equilibradas e sostibles que forman parte dun modelo que aposta pola calidade.

Como entidade competente nesta materia, coordina as políticas autonómicas e actúa de interlocutora coa Administración central, cos organismos locais e provinciais, así como con outras institucións e co sector privado, xunto con quen pon en práctica a Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que favorece un desenvolvemento integral neste eido.

Entre as súas liñas de traballo atópanse, así mesmo, a posta en valor, o aproveitamento e a potenciación dos recursos turísticos galegos e a mellora das súas infraestruturas. O impulso da competitividade, incentivando a innovación e a cooperación, están entre as súas funcións.

A Axencia conta cunha rede de oficinas de información turística na propia Comunidade, así como na Casa de Galicia en Madrid e no Centro Galego de Barcelona, nas que asesora e difunde a nosa oferta local. A proxección da imaxe de Galicia constitúe outras das súas liñas de traballo máis relevantes, para o que realiza iniciativas de promoción tanto no propio territorio como no conxunto do Estado e no exterior.

As actuacións de gobernanza arredor do Camiño de Santiago, o seu principal recurso patrimonial e turístico, é outra das súas principais encomendas, coa xestión da rede pública de albergues e o mantemento e a sinalización dos diferentes itinerarios xacobeos, entre outras actuacións. Dirixe e coordina, ademais, as actuacións relativas á análise, o estudo, o coñecemento e a avaliación das estatísticas derivadas da actividade turística, así como a busca da profesionalización e a formación permanente por parte dos axentes do sector.